A iniciativa, dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato con menos de 18 anos, ten como finalidade promover o uso oral do galego a través da oratoria e o pensamento crítico. Cada equipo constará de 4 a 10 participantes, preferiblemente mixtos, e unha persoa preparadora.
A dinámica do club esixe que todos os equipos disputen dous debates, defendendo posturas a favor e en contra sobre un mesmo tema. Un xurado composto por cinco profesionais (profesorado, xornalistas, lingüistas e xuristas) valorará as intervencións. Previamente, os inscritos participarán nunha xornada formativa de catro horas en habilidades comunicativas.
O calendario previsto inclúe a formación na semana do 12 ao 15 de xaneiro, os debates clasificatorios do 22 ao 26 de febreiro e a gran final o 24 de abril de 2027. Os gañadores das fases clasificatorias recibirán premios de 800 e 500 euros, mentres que os dous mellores equipos da final obterán unha viaxe multiaventura.
O tema da final será unha cuestión relacionada coa lingua, decidido polos concellos organizadores. Para as fases clasificatorias, escolléronse asuntos controvertidos de actualidade, e os centros poden propoñer temas. O club tamén busca crear espazos de convivencia onde o alumnado de distintos centros comparta actividades e use o galego fóra da aula.
Na edición anterior, o club mobilizou preto de medio milleiro de persoas. Os equipos interesados deben cubrir e enviar a ficha de inscrición ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón (a.pita@naron.gal). Para máis información, poden chamar ao 981 337 700 (ext. 1516) ou consultar a web https://naronengalego.gal/.




