O Concello de Valdoviño celebrará este domingo, último do mes, o seu tradicional feirón. A Porta do Sol será o escenario deste mercado que se desenvolverá durante toda a mañá.
A iniciativa, organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello, contará con numerosos postos de venda ambulante. Ofreceranse unha ampla variedade de produtos, dende roupa e complementos ata alimentación e produtos da horta.
Como novidade desta edición, a Concellería de Cultura programou ás 12:30 horas un espectáculo do Festival Internacional de Entes Animados. A compañía brasileira Heliodora, dirixida por Fabio Superbi, presentará a súa peza Barbacena, un show que combina teatro de figuras, monicreques de fíos e obxectos.




