A xornada inaugural presentará o documental ‘O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira’, unha peza audiovisual creada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM). No acto intervirán membros da directiva do SEMESCOM, Evaristo Domínguez e Xosé María Lema, este último tamén guionista do filme. A presentación estará moderada polo alcalde de Zas, Manuel Muíño.
Esta produción audiovisual dá continuidade ao traballo previo do SEMESCOM sobre o curso fluvial. En 2019 publicouse o libro homónimo, e en 2024 a directiva da asociación decidiu materializar o proxecto documental co obxectivo de profundar no coñecemento e na posta en valor da principal arteria fluvial da Terra de Soneira. O proxecto tamén busca recuperar a denominación histórica de río do Porto, documentada dende hai séculos, fronte ao uso máis recente de río Grande.
O documental segue unha estrutura similar á do libro, combinando a perspectiva histórica coa descrición do percorrido do río. Aborda a evolución da súa denominación e o uso dos seus nomes ao longo do tempo.
Afiando Fouciños desenvólvese durante as catro semanas previas aos VI Premios Fouciño, que se celebrarán do 22 ao 24 de outubro en Baio e que este ano se centran na animación galega. O ciclo inclúe catro proxeccións documentais en Baio e Zas, ampliando a oferta audiovisual e achegando ao público propostas ligadas á memoria, cultura e realidade do territorio.
Despois da estrea do 26 de setembro, o ciclo continuará con outras proxeccións como ‘360 Curvas’, ‘Crónicas dun Non’ e ‘Deuses de Pedra’, esta última programada para o 18 de outubro no Local Fouciño de Baio.




