O procedemento, publicado no Portal de Contratos Públicos de Galicia, contempla a adquisición de elementos esenciais como desfibriladores, ecógrafos, electrocardiógrafos de 12 canais, monitores de constantes vitais e sistemas automáticos de dispensa de medicamentos. Tamén se inclúen padiolas, carros de curas, un tomógrafo de coherencia óptica, unha consola de otorrinolaringoloxía, humidificadores con xerador de alto fluxo, lavacuñas termodesinfectadoras, grúas de teito, lámpadas de teito, cabeceiros de parede e suspendidos de altas prestacións.
O equipamento destinarase aos servizos de urxencias, urxencias pediátricas, nefroloxía, UCI de adultos e neonatos, hospitalización e cardioloxía. O expediente, dividido en 16 lotes, inclúe a distribución, instalación e posta en marcha dos bens, se fose necesaria.
As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 2 de outubro para presentar as súas ofertas. Esta licitación forma parte dos traballos para a posta en servizo das novas urxencias do CHUF, dentro da ampliación do complexo que supón un investimento de máis de 60 millóns de euros na construción dos novos edificios Leste e Sur.
Paralelamente, o Goberno galego está a redactar o proxecto da fase final do Plan Director, que superará os 83 millóns de euros de investimento total.




