As investigacións policiais comezaron tras ter coñecemento de transportes de sustancias estupefacientes por estrada con destino a Ferrolterra. Tras as pescudas e dispositivos realizados, o pasado 30 de maio explotou o operativo no municipio naronés.
Os axentes interceptaron un vehículo que estaba a ser vixiado ao entrar nun taller. Un dos implicados intentou pechar o portón do taller, mentres que outro home tratou de fuxir do lugar nun turismo, sendo ambos os dous detidos.
No interior do taller incautouse un quilo de cocaína e unha pistola con munición oculta nun carro de ferramentas. Ademais, o vehículo interceptado presentaba modificacións para ocultar sustancias, obxectos ou diñeiro, atopándose un compartimento na defensa dianteira tras a matrícula que albergaba 255.000 euros en billetes.
Finalmente, foron detidos tamén os homes que se atopaban no interior do taller e o condutor do vehículo. Os tres foron acusados de delitos contra a saúde pública e postos a disposición xudicial, decretándose o ingreso en prisión de dous deles.




