A oferta formativa consta de tres propostas de 20 horas lectivas cada unha, equivalentes a 1 crédito ECTS. O primeiro curso, que xa está en marcha, titúlase ‘Recursos e ferramentas en liña para aprender inglés’ e chega á súa terceira edición. Impartirase entre o mércores 16 e o 14 de outubro, cun seguimento que pode ser en directo ou en diferido. Esta actividade de extensión universitaria inclúe cinco sesións nas que se presentarán ferramentas dixitais gratuítas para mellorar a expresión escrita e oral, así como a comprensión auditiva en inglés, co obxectivo de facilitar o deseño dun plan de estudo personalizado.
A impartición deste curso correrá a cargo da profesora de inglés Paloma Blasco Fernández, doutoranda en Lingüística Aplicada e especializada en Humanidades Dixitais, quen tamén é directora de asesoría educativa e de reforzo escolar. A matrícula ordinaria para esta e as outras dúas formacións ten un prezo de 45 euros, reducido a 35 para o alumnado da UNED, tutores do centro coruñés, membros de forzas e corpos de seguridade, familias monoparentais ou numerosas, e membros do Colexio Oficial de Procuradores da Coruña, entre outros colectivos.
A segunda proposta formativa comezará o venres 25 de setembro baixo o título ‘Trámites online sen complicacións: Administración electrónica, comercio electrónico seguro e prevención do fraude’. Este curso será impartido polo adestrador tecnolóxico David López Pazos, docente na formación para o emprego.
Finalmente, a partir do día 30 deste mes, a licenciada en Dirección e Administración de Empresas Mariem Filgueira Pérez impartirá o título ‘Produtividade en equilibrio con IA: organiza a túa vida, traballa con claridade e avanza sen esgotarte’. Filgueira Pérez, especializada en Calidade e Medio Ambiente, é directora de proxectos de Consultoría e Innovación.
Toda a información detallada e a ligazón para formalizar a matrícula están dispoñibles na páxina web oficial de extensión universitaria da UNED: [extension.uned.es](https://extension.uned.es/).




