O persoal civil do Ministerio de Defensa concentrouse hoxe en Ferrol, dende a porta do Arsenal ata a do Dique, para esixir un incremento salarial de 300 euros brutos mensuais. A protesta, convocada polas centrais sindicais CIG e USO, busca dar visibilidade a unha demanda que consideran "estancada" a pesar dos compromisos ministeriais. Tamén houbo concentracións noutros puntos de Galicia, como en Marín, na Escola Naval Militar.
O representante da CIG, Carlos García Seoane, explicou que o percorrido alternativo elixido para a manifestación en Ferrol tiña como obxectivo evitar quedar "tapeados" polas obras do proxecto "Abrir Ferrol ao mar" e "dar un novo impulso mobilizador" ao conflito. A proposta sindical pasa pola equiparación salarial e de calidade coas retribucións do persoal militar, solicitando un complemento específico de 2.800 euros repartidos en 14 pagas para estes últimos, e un complemento específico de Defensa para o persoal civil.
“"A nosa proposta é que leven 2.800 euros repartidos en 14 pagas e consolidados nun complemento específico. Para o persoal civil, funcionario ou laboral, debe ser un complemento específico de Defensa que forme parte da súa estrutura retributiva."
Pola súa banda, Pablo Morgade, do sindicato USO, destacou a dimensión estatal do malestar, que afecta a "108 centros a nivel estatal", sumándose novas localizacións como A Coruña, Santiago, Ferrol e Marín en Galicia. O lema principal das pancartas era "Non á discriminación do persoal civil respecto aos nosos compañeiros militares".
Segundo Morgade, a reivindicación de 300 euros mensuais (4.200 euros anuais) baséase en cálculos que sinalan que a recente suba de 40 euros para os militares supuxo un total de 60 millóns de euros. Repartido entre o persoal civil, coincidiría cos 300 euros que reclaman. O representante de USO esixiu á ministra de Defensa que "poña voz e se poña á fronte" para desbloquear a situación, advertindo que a diferenza retributiva cos militares xa rolda os "5.000 euros acumulados no último ano".
Non á discriminación do persoal civil respecto aos nosos compañeiros militares.




