Este evento, xa consolidado tras case tres décadas de historia, converterase no punto de encontro para os amantes da xardinería e a agricultura. Desde as 10:00 horas, os visitantes poderán explorar os carreiros do 'Campón do arboreto' e da 'Fraga Máxica', onde se instalarán numerosos postos de viveiros especializados.
A oferta incluirá plantas ornamentais, flores, hortalizas, árbores froiteiras e herbas aromáticas, xunto con produtos frescos e elaborados como queixos, pan, embutidos e artesanía. Tamén haberá maquinaria e ferramentas para o traballo da terra. Os interesados en participar como expositores aínda poden solicitar espazo ata o luns 13 de abril.
A programación paralela é variada e atractiva, con actividades como unha busca do tesouro familiar, demostracións de arte floral e degustacións de produtos de Fusquenlla. Un dos puntos fortes serán os showcookings a cargo do recoñecido chef André Arzúa, impulsor do centro gastronómico Espazo Abella, dentro do programa A Paisaxe que sabe da Deputación da Coruña.
A animación musical correrá a cargo de As faíscas da Pontraga. Ademais, realizaranse sorteos presenciais ás 14:00 e ás 19:45 horas, nos que se rifarán ramos e centros florais. Por cada compra, entregarase unha papeleta para participar. Tamén se regalará unha bolsa de plantas, cortesía de Vivergal S.L., polo simple feito de asistir ao evento.




