A multinacional chinesa SAIC deu os primeiros pasos formais para o seu desembarco en Ferrolterra, onde prevé instalar a súa primeira fábrica de automóbiles en Europa cun investimento inicial de 200 millóns de euros. Para avaliar as capacidades da infraestrutura portuaria e determinar as futuras necesidades de investimento, a empresa enviará un dos seus grandes buques da filial loxística, Anji Logistics Co. Esta proba terá lugar durante o mes de xullo.
O buque que chegará a Ferrol é o «Anji Forever», un portavehículos de 228 metros de eslora e 38 de manga, construído en 2025. Segundo as páxinas de seguimento de barcos, ten previsto atracar na localidade galega o próximo día 8 de xullo. Este navío, que navega baixo bandeira de Liberia, foi deseñado para transportar 9.500 unidades equivalentes de coche (CEUs) e foi construído polo estaleiro Jinling Shipyard Co.
A compañía estatal ten previsto producir vehículos da marca MG, coa planta principal no porto exterior de Ferrol e unha base de compoñentes en As Pontes. A produción inicial estimase en 60.000 vehículos a partir de 2028, con capacidade para alcanzar os 120.000 na primeira fase. O método de ensamblaxe será o CKD (completely knocked down), que consiste en enviar os coches desmontados en contedores desde China.
Aproveitando a escala do «Anji Forever», está previsto que se desestiben vehículos da marca MG. Esta operación suporá a volta das operacións ro-ro ao Porto Exterior de Ferrol, despois de que se suspendese a importación de vehículos da marca Arcfox, do grupo BAIC, debido á imposición de aranceis por parte de Bruxelas.




