A compañía chinesa SAIC Motor Corporation Limited, propietaria da marca MG, presentou un proxecto técnico á Consellería de Industria da Xunta para a implantación dunha factoría no Porto Exterior de Ferrol-San Cibrao. Este proxecto, que xa é público, describe a instalación como o primeiro “centro industrial de ensamblaxe completo de vehículos particulares en España”.
A documentación do proxecto técnico sinala que esta iniciativa converterá a Ferrol nun “gran posto exportador”. Ademais, a empresa prevé que a presenza de SAIC atraia outras “actividades logísticas” a dársenas próximas, mencionando especificamente o Porto Exterior da Coruña pola súa “cercanía e posibilidade de colaboración nun futuro”.
Esta nova base de operacións europea do grupo SAIC suporá un investimento aproximado de 120 millóns de euros. A planta terá capacidade para montar ata 120.000 vehículos anualmente. As instalacións ocuparán unha superficie de 425.000 metros cadrados, que incluirán tanto a factoría como un almacén exterior.




