O consello reitor de Puertos del Estado validou por unanimidade o Plan de Investimentos da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que contempla unha achega de 19.760.000 euros para o exercicio 2027. O obxectivo principal é a mellora das infraestruturas portuarias, con especial énfase na rede ferroviaria e o reforzo da seguridade.
A partida máis significativa, 5,8 millóns de euros, será para a instalación dun sistema de control, mando e sinalización da rede ferroviaria interior. Esta actuación, que se beneficiará de Fondos Feder e cuxas obras rematarán en 2027, busca mellorar a fiabilidade e o mantemento do sistema, permitindo gobernar a totalidade da rede.
Ademais, destínanse 4,9 millóns de euros para o acceso ferroviario ao porto exterior, cuxas obras rematarán este ano 2026, prevéndose para 2027 o devengo da liquidación e posta en servizo. Outra actuación importante é o acondicionamento do ramal desde o porto ata a estación de tren, en colaboración con ADIF, cunha achega de 2,2 millóns de euros para a dotación do terceiro fío que permita a circulación en ancho métrico.
O plan tamén inclúe outras melloras nos peiraos, como a adquisición de dous novos sistemas de amarre activo para o porto exterior e a renovación de defensas no muelle Fernández Ladreda, cun investimento de 1,8 millóns de euros para 2027. Así mesmo, destinaranse 1,4 millóns de euros ao desenvolvemento dun sistema de seguridade e xestión integrada.




