Tras as renovacións de xogadores como Gerard Casas, Rubén Orzáez, Turbi, Jhoy e Caio César, ademais da incorporación de Matheus de Deus, a continuidade de Niko Vukmir convértese na nova de O Parrulo Ferrol. O futbolista croata, que chegou a pasada tempada, gañouse rapidamente un oco no equipo e é considerado un valor importante para a entidade.
A directiva destaca a súa "intelixencia táctica, extraordinaria visión de xogo e unha calidade no pase diferencial". Por estas características, a nova directiva optou por facer efectiva a cláusula de renovación contemplada no contrato de Vukmir para que siga formando parte do proxecto deportivo.
Segundo o club, "Niko representa tamén o perfil de xogador sobre o que O Parrulo Ferrol quere construír o presente e o futuro do proxecto: ambición, capacidade de adaptación, mentalidade competitiva, compromiso colectivo e fame constante de crecemento". Engaden que esta renovación mantén a aposta polo talento novo con mentalidade gañadora, algo que Vukmir demostrou ao lograr o bronce coa súa selección na Eurocopa o pasado xaneiro.
Con este movemento, a plantilla de O Parrulo vaise perfilando para afrontar a súa segunda tempada consecutiva en Primeira División. Aínda se esperan máis movementos, como a posible continuidade de David Novoa, que ten unha oferta de renovación. Pola contra, confirmouse que Mati Starna, Gabriel Morgato, Gonzalo Santa Cruz e Iván Rumbo non seguirán no equipo.




