A xornada, que mantivo o formato de edicións anteriores, incluíu tres ofrendas florais en distintos puntos de Narón. Os eventos contaron coa presenza de membros da asociación, os concelleiros Pablo Mauriz e Mar Gómez, e representantes de grupos políticos como Terra Galega, PSOE e BNG.
A primeira homenaxe tivo lugar ás 12:00 horas no cemiterio de O Val, onde se depositou unha ofrenda floral fronte a unha placa conmemorativa. Unha segunda ofrenda realizouse na zona do mesmo camposanto onde se levaron a cabo prospeccións para localizar fosas comúns, nas que se cre que xacen máis de medio centenar de represaliados.
Durante a visita, Manuel Fernández Pita, presidente da ACMHD, sinalou os puntos exactos das fosas comúns, subliñando a importancia de preservar estes espazos e continuar cos traballos de investigación e exhumación. Posteriormente, a comitiva trasladouse ao cemiterio de San Mateo para unha nova ofrenda floral, onde Fernández Pita recordou a placa en memoria dos últimos asasinados en agosto de 1936 e a sepultura dedicada aos que loitaron pola liberdade.
A xornada conmemorativa concluíu cunha terceira ofrenda floral nas inmediacións do Pazo da Cultura, xunto á árbore de Guernica, símbolo de liberdade e democracia. O Concello de Narón destacou o apoio a estas iniciativas para manter viva a memoria das vítimas e defender os principios democráticos.
“"Dentro do Concello de Ferrol, teñen que entender que teñen que pechar este capítulo dunha vez por todas creando un espazo que realmente merece esta cidadanía, honrando a estes compañeiros que deron a súa vida para que nós gocemos de toda esa democracia que gañaron."
Paralelamente, o comité de empresa de Navantia Ferrol renovou a súa demanda dun espazo público digno para honrar a memoria dos traballadores do naval asasinados durante a ditadura franquista. Nunha rolda de prensa aberta, o presidente do comité, Carlos Díaz (MAS), agradeceu a asistencia e fixo un chamamento á administración local de Ferrol para que cree este espazo, cuxa demanda data de 2018 e céntrase nunha parcela fronte á entrada principal do estaleiro.




