Un motorista tivo que ser atendido polos servizos sanitarios de urxencia tras resultar ferido nunha colisión contra outro vehículo. O accidente rexistrouse ao redor das 12.10 horas na avenida Saavedra Meneses, en pleno casco urbano da vila aresana.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112, foi un particular quen alertou do sinistro, indicando que o lesionado chocara contra un turismo e que, tras caer da súa motocicleta, terminara baixo outro vehículo, pero permanecía consciente.
Ao lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico e a Policía Local, ademais dunha ambulancia asistencial de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Desde o 112 sinalouse que o home non parecía presentar feridas de gravidade, aínda que non se tiña constancia de se fora trasladado a un centro hospitalario.




