A solución técnica derivada deste programa, denominada uTILE, xa dispón de máis de 1.500 imaxes médicas preparadas para o seu emprego en proxectos de investigación e intelixencia artificial. O obxectivo é transformar as imaxes clínicas en conxuntos de datos aptos para o desenvolvemento e validación de ferramentas de IA.
A iniciativa pon en marcha un espazo federado de datos de imaxe médica, permitindo consultar os conxuntos dispoñibles, as súas características e as condicións de uso.
O Servizo Galego de Saúde iniciou o emprego desta plataforma con tres casos de uso centrados no cancro de próstata, oftalmoloxía e cardiopatía isquémica. O primeiro estudo, liderado polo Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), céntrase no cancro de próstata. O segundo, coordinado polo Servizo de Oftalmoloxía do CHUF, aborda o edema macular diabético. O terceiro, do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), investiga a cardiopatía isquémica.
O Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Universidade da Coruña colaborou cos datos oftalmolóxicos para avanzar na detección do edema macular diabético mediante intelixencia artificial. As imaxes, seudonimizadas e etiquetadas, axudan a analizar patróns e desenvolver ferramentas de apoio á identificación desta patoloxía.
Este caso exemplifica a explotación da solución de ImageDataSpace, onde datos xerados na contorna sanitaria son preparados e xestionados para o seu uso por grupos investigadores en necesidades clínicas concretas.
O programa conta cun orzamento aproximado de 445.000 euros, financiado con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-Next Generation EU.




