O profesional da fotografía, autor de varios libros con imaxes antigas de Xuvia e Narón, iniciou un proceso xudicial contra un editor local. A demanda, rexistrada o pasado 23 de abril, esixe a devolución íntegra do seu arquivo fotográfico e a paralización de calquera difusión non consentida das súas obras.
Os materiais en cuestión, que inclúen negativos e outros soportes xerados durante once anos de actividade no Estudio de Fotografía Retina (entre 1986 e 1997), atópanse en poder do demandado. Segundo o fotógrafo, este recoñeceu publicamente a súa custodia e comprometeuse por escrito á conservación dos devanditos materiais.
O demandante asegura que nunca concedeu autorización, nin expresa nin tácita, para a reprodución ou comunicación pública das súas imaxes. Advirte que calquera uso non autorizado levará á adopción das "medidas xudiciais que procedan". A posesión dos arquivos vincúlase a un antigo colaborador que se fixo cargo do local tras o cesamento da actividade e que, segundo testemuñas, manifestou a súa intención de devolver os fondos ao seu lexítimo titular.
O conflito agravouse tras a negativa do demandado a recibir un burofax enviado ao local da Asociación de Veciños de Piñeiros, da que é presidente. Esta actitude foi cualificada de "obstrucionista" polo fotógrafo, quen considera que imposibilitou unha solución extraxudicial.
A conciliación, solicitada ao abeiro da Lei de Xurisdición Voluntaria e da recente Lei Orgánica 1/2025, constitúe un paso previo obrigatorio antes dunha posible demanda por infracción de dereitos de propiedade intelectual.
No acto de conciliación, fixado para a mañá do próximo 15 de maio, o fotógrafo reclama tres puntos clave: a devolución inmediata de todos os arquivos, o compromiso expreso de non difundir as imaxes mentres se resolve a controversia e o recoñecemento da súa titularidade exclusiva sobre os fondos. De non alcanzarse un acordo, o caso podería derivar nun procedemento xudicial por vía civil e, incluso, penal, dada a posible incardinación dos feitos nos delitos contra a propiedade intelectual previstos no Código Penal.




