A decisión, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), establece un prazo de 20 días hábiles para que cidadáns e entidades interesadas poidan consultar o expediente e presentar as alegacións que consideren oportunas. Este procedemento enmárcase na Lei 20/2022 de Memoria Democrática.
O proceso iniciouse formalmente o 4 de novembro de 2025, e desde o 7 de novembro, o ben xa figura con anotación preventiva no Inventario de Lugares de Memoria Democrática do Estado. Durante os últimos meses, a administración levou a cabo o trámite de audiencia co Concello de Ferrol e cos titulares dos elementos que compoñen o conxunto da cidade, solicitando os informes preceptivos.
A declaración de Ferrol como lugar de memoria é especialmente significativa, xa que se trata dun recoñecemento a un núcleo urbano completo, e non só a un monumento ou enclave illado. O expediente completo estará dispoñible para consulta na páxina web do Ministerio.




