O Concello de Fene está a levar a cabo estes días a limpeza e o acondicionamento do cubo do muíño situado no Parque Lineal do río Cádavo. Esta intervención busca mellorar a conservación do espazo e restaurar elementos que levaban anos sen funcionar.
As tarefas inclúen a limpeza integral do cubo, o seu acondicionamento para previr filtracións de auga e a renovación do sistema de iluminación. O obxectivo é revalorizar este elemento patrimonial e ambiental, mellorando a súa imaxe, seguridade e o desfrute veciñal.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, subliñou que o Parque Lineal é un dos principais espazos de ocio do municipio e precisa un mantemento continuo. Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Cristina García, explicou que se recuperan elementos como a iluminación do cubo e establécese un plan de mantemento periódico para evitar o deterioro.
Cristina García engadiu que o obxectivo é conservar e poñer en valor tanto o patrimonio como os espazos naturais, garantindo o seu desfrute durante todo o ano. Para iso, implantarase un programa periódico de limpeza do cubo, con catro ou cinco intervencións anuais, para evitar a acumulación de sedimentos e asegurar a súa conservación.
Ademais, o Concello de Fene prevé realizar durante a segunda quincena de setembro os traballos de limpeza dos cursos fluviais nas zonas urbanas. As actuacións afectarán ao río Cádavo (ao seu paso por Fene e Perlío) e a tramos dos ríos en Barallobre, Maniños e Limodre.
Estas tarefas están condicionadas ás autorizacións de Augas de Galicia, que determina os períodos axeitados para estas intervencións, protexendo os ecosistemas. Os permisos concédense para setembro, imposibilitando a súa realización con anterioridade.
O Concello de Fene reafirma o seu compromiso co mantemento dos espazos naturais, apostando por unha planificación continuada e coordinada cos organismos competentes, respectando os criterios ambientais establecidos.




