O acordo, aprobado na sesión plenaria do pasado 13 de novembro, permitirá dar continuidade á xestión compartida da Unidade de Prevención de Condutas Aditivas, creada en 2023. Os catro concellos da comarca da Paradanta consideran fundamental este servizo supramunicipal para traballar na prevención dos consumos de substancias aditivas, na promoción de hábitos de vida saudables e na redución das condutas de risco, especialmente entre a poboación máis nova.
A colaboración responde á necesidade de ofrecer unha atención coordinada e eficaz, optimizando os recursos e reducindo custos. A sede da Unidade estará situada na Caniza, que actuará como entidade promotora asumindo a tramitación administrativa e a xestión das axudas. Non obstante, a atención prestarase de maneira compartida nos catro municipios, facilitando cada concello as instalacións e medios necesarios para o desenvolvemento das actividades no seu termo.
O equipo profesional, contratado a través dunha entidade especializada, estará integrado por persoal con titulación universitaria e formación específica en condutas aditivas. As súas funcións inclúen a execución e avaliación de programas preventivos, a detección temperá de condutas de risco, a atención de demandas de información e a coordinación coa Dirección Xeral de Saúde Pública.
O proxecto contempla o desenvolvemento de programas incluídos na carteira de servizos do Plan de Galicia sobre Drogas, dirixidos á poboación adolescente, ás familias e á comunidade educativa. Entre as actuacións figuran programas como Saúde na Escola, EmPeCemos, Non pasa nada, pasa algo?, Construíndo Saúde, Máis que un Teito, Protego e Activa, ademais de accións de información e sensibilización.
O orzamento global do proxecto ascende a 30.072 euros. Desta cantidade, os concellos solicitaron á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia unha subvención de 24.358,32 euros, mentres que os 5.713,68 euros restantes serán financiados directamente polas catro entidades locais. A distribución das achegas municipais realizarase en función da poboación de cada concello: a Caniza asumirá o 47,03 %, Arbo o 24,57 %, Crecente o 18,06 % e Melón o 10,34 %.
A programación de actividades está prevista para o período comprendido entre xaneiro de 2027 e o 30 de xuño de 2028. Durante os meses previos desenvolveranse os traballos de xestión administrativa, coordinación e preparación necesarios para a planificación e continuidade do servizo, condicionados á resolución favorable da subvención solicitada.




