A mostra, que poderá visitarse durante un mes no vestíbulo do hospital ferrolán, busca dar a coñecer a EICR, unha complicación descoñecida pero frecuente en expacientes de cancro hematolóxico que recibiron un transplante de medula ósea.
A través de retratos en branco e negro do fotógrafo Xosé Durán e testemuños de pacientes e coidadores, o proxecto divulga o impacto desta patoloxía multisistémica na calidade de vida das persoas transplantadas.
A exposición, que xa pasou por outros hospitais galegos como o de Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, tamén estivo na sede da Axencia Galega de Órganos e Sangue (ADOS) e na Organización Nacional de Transplantes.




