O programa está dedicado integramente ao cinema Feito en Galicia, presentando catro títulos que abranguen diversos xéneros e formatos da produción audiovisual galega máis recente. As proxeccións terán lugar os mércores 9, 16, 23 e 30 de setembro, ás 20:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
A primeira sesión, o 9 de setembro, será con "Trinta Lumes" (2017), de Diana Touceiro, unha obra que combina documental e ficción ambientada nunha aldea galega durante o Día de Tódolos Santos.
O 16 de setembro proxectarase "O Apóstolo" (2012), de Fernando Cortizo, recoñecida como pioneira na animación stop motion en 3D e que conta coas voces de Luis Tosar, Geraldine Chaplin e Manuel Manquiña.
O ciclo continuará o 23 de setembro con "A Estación Violenta" (2018), de Anxos Fazáns, unha adaptación da novela de Manuel Jabois que explora o paso do tempo e as feridas persoais.
A clausura do ciclo será o 30 de setembro con "Buscando á Santa Compaña" (2024), tamén de Fernando Cortizo. Esta road movie documental busca diferenciar o mito da realidade sobre a lenda galega a través de testemuñas e expertos.
Na presentación do ciclo estiveron presentes o presidente do Cineclube Serie B Cidade de Narón, Alberto Pena, e a alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro. Pena destacou o éxito da edición anterior, que reuniu a máis de 400 persoas coa proxección de "Romería" e máis de 600 coa película "Sirat" de Oliver Laxe.
“"Os Mércores de Cine convertéronse xa nunha cita ineludible para o público naronés."
Marián Ferreiro tamén agradeceu o esforzo do Cineclube Serie B e a súa aposta polo cinema galego.




