Coa chegada do mes de setembro, Cedeira acolle un ano máis o ciclo "Cantos e Contos ao Solpor", que este ano alcanza a súa décima edición. Este programa de narración oral, xa asociado ao remate do verán na localidade, presentará sesións descentralizadas polas parroquias todos os sábados do mes.
A inauguración será o sábado 5 de setembro, ás 20:00h, no local social Tarroiba, en Santalla. O contador Carlos Rebolo, fundador de Ítaca Teatro, presentará o espectáculo "Anacos", centrado en historias vividas, escoitadas ou imaxinadas no cotián.
A seguinte cita terá lugar o sábado 12 de setembro, tamén ás 20:00h, no local veciñal de Régoa. María de Pontragha ofrecerá "Coa palabra na boca", un espectáculo que combina historias e música tradicional para falar da xente, do amor, da liberdade e da desobediencia.
O 19 de setembro, o ciclo chegará ao local da Asociación Veciñal de San Román. Vero Rilo e Santi Cribeiro presentarán a función "Tralalareira", onde contan e cantan con humor sobre as tradicións arredor da lareira.
A sesión de clausura terá lugar o venres 25 de setembro na vila, concretamente na praza Dionisia López. Lucía Aldao e Samuel Marino porán o broche final co espectáculo "Os nomes íntimos", que combina palabra falada, música e conversa co público.




