A corporación municipal de Ferrol ratificou na tarde deste xoves, por unanimidade, unha declaración institucional para que o centro de saúde de Serantes reciba o nome do doutor José Pedrouzo Bardelas, quen faleceu de forma repentina hai aproximadamente un ano. A decisión recoñece a súa destacada labor facultativa desenvolvida durante décadas na cidade, cualificada como "unha entrega exemplar", converténdose nun referente da sanidade pública e unha figura "profundamente querida" polos seus pacientes, compañeiros e a cidadanía ferrolá.
A declaración tamén fai referencia á súa etapa como concelleiro no Concello de Ferrol, na que exerceu a responsabilidade "coa mesma ética, honestidade e vocación de servizo" que caracterizaron a súa traxectoria profesional. Destácase que foi "un home comprometido coa súa cidade" e que soubo gañarse o respecto e o cariño dos veciños e veciñas.
Atendendo á petición presentada pola Asociación de Veciños de Serantes, o Concello e a entidade veciñal consideran que esta denominación representa "unha merecida homenaxe á súa figura e un acto de xustiza e gratitude colectiva". O consistorio trasladará agora á Consellería de Sanidade a aprobación desta declaración institucional.
Ademais, o pleno mostrou o seu apoio unánime ás demandas de Aspaneps, a Asociación de Pais e Nais de Nenos e Nenas con Problemas Psicosociais. Esta entidade, con 46 anos de labor preventivo-asistencial, enfróntase a un drástico aumento da renda do seu inmoble en Canido, propiedade do Ministerio de Defensa, que podería pór en risco a continuidade do seu servizo a centos de familias. O Concello solicitará ao Invied e ao Ministerio de Defensa que revisen esta situación para manter unha renda acorde á natureza social da entidade.
A concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, informou tamén sobre a execución orzamentaria do primeiro trimestre de 2026, cunha execución do 12% en ingresos e do 13% en gastos sobre un orzamento de 97 millóns de euros. O Concello de Ferrol cumpre o Período Medio de Pago, e durante este trimestre abonáronse case 1.000 facturas por un importe de case 7 millóns de euros, cun 95% pagadas en prazo.
Finalmente, aprobouse por unanimidade a concesión dunha felicitación pública e individual a varios axentes da Policía Local por accións meritorias realizadas durante 2025.




