A nai da menor presentou documentación que acredita a entrega, os días 11 e 12 de marzo, de informes de intervención educativa específica. Nestes escritos, solicitábase a posta en marcha de medidas de atención para alumnado con TEA e TDAH, tanto dentro como fóra da aula, así como adaptacións metodolóxicas para facilitar a comprensión e organización das tarefas escolares.
O caso, que xa está a ser analizado pola Valedora do Pobo, será obxecto de debate no Parlamento de Galicia. Un deputado do PSdeG-PSOE impulsou unha iniciativa parlamentaria ao considerar que a situación da alumna require a presenza dun coidador non só nas actividades lectivas, senón tamén nas extraescolares organizadas polo centro.
Segundo a versión da familia, o centro non deu resposta por escrito ata finais de maio, momento no que se solicitou o pagamento dun coidador para unha excursión. Ante esta situación, a nai rexistrou unha queixa na Inspección Educativa. A resposta oficial recibida o 9 de xuño indicou que a Consellería de Educación non ten competencias para subministrar recursos humanos a un centro concertado.




