O ensaio clínico Combogal, desenvolvido de forma colaborativa entre Dinamarca e Galicia, ten como obxectivo principal avaliar a capacidade desta vacina combinada para previr hospitalizacións por infeccións respiratorias agudas. A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, enviará mensaxes SMS informativas a unhas 730.000 persoas en toda Galicia para que poidan coñecer o proxecto e acudir aos puntos de vacinación.
Na Área de Ferrol, os participantes que reciban o SMS poderán acudir durante os próximos cinco fins de semana ao Laboratorio de Análises Clínicas do Hospital Arquitecto Marcide do CHUF. O horario será de 09:00 a 14:00 e de 15:00 a 21:00. Alí, profesionais de Enfermaría administrarán de xeito aleatorio a vacina combinada ou as vacinas por separado, asegurando que os participantes "sairán protexidos fronte á gripe e Covid do hospital".
Quen desexen reservar cita poderán facelo a través da aplicación Sergas Móbil ou chamando ao teléfono 900 842 217, dispoñible de 10:00 a 20:00. O consentimento informado poderá asinarse electronicamente por primeira vez neste tipo de estudos.
A metodoloxía do estudo implica que a metade dos participantes recibirán a vacina combinada e a outra metade as vacinas por separado. Estímase que esta simplificación pode mellorar as coberturas vacinais e a eficiencia do sistema. A finalidade principal non é buscar evidencia científica sobre a vacina combinada, xa autorizada, senón avaliar a mellor estratexia de protección para a poboación galega maior de 65 anos.
A campaña de vacinación fronte á gripe e covid xa comezou en setembro nas residencias de maiores e está a avanzar nos centros de saúde, priorizando os maiores de 80 anos e os profesionais sanitarios. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro.




