O goberno local de Cedeira recibiu a confirmación de que a súa solicitude de financiamento para o Centro Municipal de Remo foi resolta favorablemente. O Concello recibirá 201.084,20€ a través do programa do Fondo de Cooperación Local da Xunta, que se sumarán a unha achega municipal idéntica para cubrir o orzamento total da actuación, cifrado en 402.168,39€ (IVE incluído).
A iniciativa, que conta co apoio do Club de Remo local e da Federación Galega de Remo, persegue non só a construción dunha nave de servizos náuticos, senón tamén a posta en marcha dun futuro Núcleo de Adestramento Especializado (NADE) en remo. Para iso, o Concello solicitou a Portos a concesión de 468 metros cadrados de chan na zona próxima ao peirao vello, actualmente utilizada como aparcadoiro.
O proxecto busca reforzar a imaxe de Cedeira como referente para a práctica de actividades deportivas e náuticas. Pretende ademais diversificar economicamente o municipio e potenciar o turismo deportivo, atraendo grupos de adestramento de alto nivel e organizando competicións oficiais.




