A dirixente nacionalista destacou a elección de Fernández como unha "combinación gañadora" e un "modelo de éxito" para a cidade, similar ao aplicado polo BNG noutros concellos onde goberna. Pontón afirmou que Ferrol "precisa un cambio, precisa ambición e un novo proxecto" e que existe "unha maioría que quere abrir un novo tempo" na cidade.
Segundo Pontón, construír "un Ferrol en grande" implica mellorar os servizos públicos, a calidade de vida, o urbanismo, promover o comercio local, fomentar a inclusión e o dinamismo económico, ademais de defender a lingua galega. Eloxiou a traxectoria de Fernández, cualificándoo de "persoa traballadora, rigorosa" e cun profundo sentimento por Ferrol.
O propio candidato, Mon Fernández, agradeceu o apoio e reivindicou o "espírito de loita e superación" da veciñanza ferrolá, mencionando diversos sectores sociais e figuras históricas locais. Criticou o actual modelo de cidade, que cualificou de "palco VIP para que os cruceiristas veñan facerse un selfie", e propuxo un proxecto centrado nas persoas, con servizos de calidade e espazos para todos os colectivos.




