Este acordo, que tamén fomenta a formación especializada, a investigación e a transferencia de coñecemento, establece unha nova vía para a preservación, catalogación e difusión dos proxectos finais do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, impartido na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
Grazas a esta colaboración, as demos dos videoxogos desenvolvidos polo alumnado durante a súa etapa formativa no Campus Industrial de Ferrol serán conservadas en formato interactivo no Museo do Videoxogo (MUVI). A UDC, a través da EPEF, realizará un envío anual estandarizado destas demos xunto coa información asociada, integrando todo nun procedemento unificado de conservación.
O primeiro título en unirse a esta iniciativa será Renegade Jammer, creado durante os cursos 2023/24 e 2024/25. Esta demo foi galardoada co Premio ao Mellor Xogo Indie na Lérez Up de Pontevedra e co Mellor Xogo Académico no BCN Game Fest de Hospitalet de Llobregat (Barcelona) en 2025.
Ao longo deste mes de maio, Renegade Jammer integrarase nos proxectos de videoxogo galego do MUVI. A súa inclusión neste programa de preservación permitiralle tamén participar nos eventos nos que a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia colabora habitualmente en todo o territorio.
“"Esta colaboración permitirá recoñecer a experimentación e o desenvolvemento universitario como unha nova tipoloxía de videoxogo galego que debe ser preservada e estudada."
Nesta liña, o MUVI xa está a traballar na incorporación desta categoría ás bases de datos públicas do videoxogo galego e na súa futura integración no arquivo da Biblioteca de Galicia. Este proceso tamén terá un impacto na base de datos pública de DeVuego, entidade que colabora coa Fundación.




