Este proxecto, que busca fortalecer a comercialización sen intermediarios, foi posible grazas ao apoio económico do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e da Consellería do Mar. Estes fondos sufragaron tanto a adecuación do espazo como o equipamento necesario para a posta en marcha do establecemento.
A apertura desta peixería representa a materialización dunha demanda histórica da confraría, que pretende achegar aos consumidores finais o peixe e marisco capturado pola súa frota, garantindo a máxima frescura e un prezo xusto. Para celebrar a inauguración, ofreceranse ofertas especiais e obsequios para os 20 primeiros clientes.
O horario de atención ao público será de luns a venres de 09:30 a 13:30 horas, e os sábados de 09:30 a 12:00 horas, consolidando un modelo de negocio centrado no produto de proximidade e quilómetro 0.
“"Debido á situación actual das capturas, desde hai uns anos estamos impulsando novas liñas de negocio que complementan a nosa actividade tradicional."
Jorge López, patrón maior da Confraría de Barallobre, enmarcou esta iniciativa dentro dunha estratexia de diversificación para asegurar a viabilidade da entidade, que conta con máis de 100 anos de historia. Lembrou que a confraría foi pioneira en 2004 ao instalar unha depuradora de moluscos bivalvos na lonxa, permitindo un control total do proceso produtivo desde a extracción ata a venda.
Con esta nova peixería, a Confraría de Barallobre reforza o seu compromiso coa economía local e a valorización dos produtos da ría, garantindo un trato equitativo tanto para os armadores como para o cliente final, e abrindo a posibilidade de envíos a nivel nacional.




