A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao impulsa a recuperación da gasolinera das Pías coa licitación do proxecto de remediación do solo. Esta iniciativa, aprobada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia, busca a recuperación medioambiental dos terreos onde se atopa a estación de servizo, inactiva dende 2018.
O orzamento base de licitación ascende a 192.708 euros (159.263 + IVE) e o prazo de execución previsto é de 15 meses. O obxectivo principal é a eliminación de restos de hidrocarburos mediante o sistema Pump&Traet, que consiste no bombeo e tratamento das augas subterráneas para eliminar os contaminantes antes de devolvelas ao medio.
Tras a execución, levarase a cabo un seguimento exhaustivo da efectividade das actuacións. Realizaranse revisións semanais durante o primeiro mes e quincenais posteriormente, ademais dun mostraxe trimestral durante seis meses na fase de mantemento, antes da emisión do certificado final. Estes pasos son cruciais para poder continuar coa tramitación da concesión e devolver a actividade á emblemática estación de servizo no barrio de Caranza.
Esta actuación permitirá a posta en valor de 7.200 metros cadrados de dominio público. A proposta da compañía Carbugal inclúe a reconstrución e posta en funcionamento da estación de servizo, así como a construción dun edificio para actividades comerciais e de hostalaría, complementado con 60 prazas de aparcamento público.




