A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, e o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda, reuníronse hoxe na sede do ente público para consensuar a delimitación do solo que volverá á titularidade da Administración Xeral do Estado. Posteriormente, estes terreos serán transferidos ao Concello de Cedeira para o seu uso veciñal e de carácter público.
A proposta céntrase no Paseo da Marina, cuxos terreos Portos de Galicia suxire devolver ao Estado. Esta xuntanza enmárcase na terceira e última fase dun proceso que busca a reversión de terreos portuarios de uso público a municipios que así o solicitaron.
Este acordo co Concello de Cedeira segue a liña doutras reunións xa mantidas con municipios como Corcubión, Viveiro, Ribeira, Pontecesures, Fisterra e Cariño. A Xunta xa remitiu propostas aprobadas polo Consello Executivo galego nos meses de abril e setembro de 2025, consensuadas co 17 dos 25 municipios implicados.
Unha vez que a Administración estatal reciba estas propostas, será a súa competencia decidir sobre a reversión e a posterior transferencia aos concellos. Porén, a día de hoxe, Portos de Galicia aínda non ten constancia de ningunha decisión por parte do Goberno central respecto a estas solicitudes.




