A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración continúa co seu programa Artesanía na Escola, enfocado na divulgación dos oficios artesanais entre os escolares de Educación Primaria. Esta mañá, o artesán Jorge Bellón achegouse ata o centro de Cea para realizar unha demostración da elaboración dos sanandresiños, figuras de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira).
Esta actividade complementa a unidade didáctica Eu son artesán de figuras de pan, na que estiveron traballando os nenos e nenas previamente. O artesán, de Cedeira, dedícase a reproducir estes amuletos ancestrais, moldeados con fariña e pintados á man, que se empregaban tradicionalmente para apelar á protección do santo en diferentes aspectos da vida: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde, a sardiña para o alimento, a man para os estudos, a escaleira para o traballo, a coroa para a protección e a pomba para a paz.
Artesanía na Escola é un programa concibido para achegar os oficios artesanais e os valores da artesanía a colexios de toda Galicia. Os obxectivos son divulgar os oficios como patrimonio cultural e sector económico, poñer en valor o produto feito á man e os profesionais da artesanía como creadores e transmisores de coñecementos. Tamén se busca difundir os vellos saberes amosando os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea, transmitir os valores da artesanía vencellados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular, e atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.
O proxecto iniciouse coa unidade didáctica Eu son zoqueira, dedicada ao oficio dos zoqueiros a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro en Merza (Vila de Cruces). A segunda das unidades didácticas, Eu son artesán de percusión tradicional, está protagonizada por Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), e centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.




