O goberno local xestionou unha axuda de 67.378€ do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, a través da axencia autonómica Agader, para acometer esta actuación, de maneira que as arcas municipais aportarán só arredor do 17% da actuación.
Os viais que se van mellorar son os de Esteiro (San Fiz de Esteiro), que vai do lugar de Vilela ata a estrada autonómica AC-566 (800 metros), e os de Ervellás (1.400 metros) e Pontigas (1 quilómetro, con dous ramais interiores) en Régoa.
As obras diríxense a mellorar a superficie e a adherencia dos firmes deteriorados, con fochancas, para aumentar a seguridade vial. Inclúen a limpeza de gabias, a instalación de tubaxes e a aplicación dun dobre tratamento superficial, ademais de aglomerado asfáltico nalgúns tramos.
As empresas interesadas teñen ata o día 6 de novembro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución é dun mes.




