O Concello de Silleda puxo en marcha unha nova edición do programa Silleda Activa, unha iniciativa municipal dirixida a persoas maiores de 65 anos ou pensionistas co obxectivo de fomentar a actividade física, o benestar e a estimulación cognitiva. Tras o parón estival, o programa arrinca con 149 persoas anotadas nas diferentes actividades, mentres que outras 33 permanecen en lista de agarda.
Silleda Activa ofrece neste curso un total de cinco actividades deseñadas para promover a saúde física e mental: ximnasia de mantemento, obradoiro de memoria, musicoterapia, aeróbic e pilates. Algúns destes obradoiros tamén se imparten no centro social da Bandeira.
A elevada participación e o número de persoas en lista de agarda evidencian o interese da cidadanía por este tipo de actividades que combinan exercicio, saúde e socialización, aspectos fundamentais para un envellecemento activo.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Ángela Troitiño, asistiu hoxe ao comezo das actividades de ximnasia de mantemento e obradoiro de memoria para dar a benvida aos novos participantes e explicarlles as liñas básicas do programa.
Desde o Concello de Silleda sublíñase a importancia de continuar impulsando programas que favorezan un envellecemento activo e saudable, ofrecendo ademais espazos de encontro e participación para a veciñanza. Con esta nova edición, Silleda Activa consolídase como unha das principais propostas municipais, respondendo á demanda existente e apostando pola mellora da calidade de vida dos seus participantes.




