O Goberno popular de Lalín presentou unha moción que se debaterá na próxima sesión ordinaria da Corporación. Nela, solicítase á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que dea comezo aos trámites para que o Cocido Galego sexa recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC) na modalidade de Patrimonio Cultural Inmaterial.
A proposta tamén subliña a necesidade de que o Goberno galego conte, durante a elaboración do expediente, coa participación de representantes das universidades galegas, especialistas en patrimonio cultural e membros do sector gastronómico, así como outras institucións que poidan colaborar na memoria técnica que fundamente a declaración.
Finalmente, o Concello de Lalín manifesta no escrito da moción a súa total disposición para colaborar coa Xunta de Galicia achegando a documentación necesaria que acredite o valor cultural do Cocido Galego e axude a identificar os seus méritos para a devandita declaración.




