A iniciativa, que xa ten todas as prazas esgotadas, busca fomentar a conexión directa coa natureza e as vantaxes dos baños de bosque. Un total de 60 persoas participarán nestas xornadas que se celebrarán este sábado 15 de agosto en Valga e o domingo 16 de agosto en Silleda.
O sábado, os percorridos terán lugar preto das fervenzas de Parafita e Raxoi, en Valga. Os participantes gozarán dunha ruta por densos bosques de ribeira, pasarelas de madeira, fervenzas e muíños restaurados, nunha contorna de vexetación exuberante.
O domingo, a actividade centrarase arredor do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. A ruta transcorrerá polo bosque de ribeira do val do Deza e achegarase a este importante mosteiro medieval galego.
Nesta edición, +Bosques percorre sete espazos da provincia de Pontevedra, destacando a súa rica biodiversidade. O programa busca a estimulación sensorial mediante exercicios físicos e psicolóxicos para fortalecer os lazos co medio natural.
As próximas rutas terán lugar o 22 de agosto na contorna do río Maneses (Campo Lameiro) e o 23 de agosto polo Río Lérez (Pontevedra). O 29 de agosto haberá outra saída en Barosa (Barro), tamén con todas as prazas cubertas. As datas de setembro poderanse consultar na web institucional e a inscrición para as últimas saídas abrirá o luns 24 de agosto ás 9:00 horas.




