O programa provincial +Música da Deputación de Pontevedra chega esta semana ao concello de Agolada coas actuacións de The Teta´s Van e Leirabuxo. Estes concertos, que forman parte da XXIX Mostra de Artesanía de Agolada, celebraranse na Praza do Concello ás 21:30 horas os días martes 11 e mércores 12 de agosto, respectivamente.
The Teta´s Van, que se formou en 2011, é coñecida por interpretar versións de clásicos do rock and roll en galego e inglés, reivindicando ademais o papel da muller na música galega.
Pola súa banda, Leirabuxo é unha agrupación de música Folk dirixida por Manuel Varela, que mestura instrumentos de vento con outros tradicionais como a zanfona e a gaita, creando unha linguaxe sonora propia e acústica.
Estas actuacións enmárcanse na nova edición do programa +Música, que conta cun orzamento de 700.000 euros. O obxectivo deste programa é apoiar a programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, fomentar a lingua e a cultura galegas, e impulsar a reputación de Pontevedra como destino cultural.
En total, celebraranse 93 concertos entre maio e decembro en 58 concellos da provincia, promovendo a descentralización da cultura e a oferta de actos de calidade por toda a xeografía provincial.




