O programa Compostela É Memoria, en colaboración con Maos Innovación Social, presenta a actividade 'Castelao Insólito', unha proposta que convida a percorrer as rúas de Compostela tal e como o fixo o artista, escritor, político e pai do nacionalismo galego. A iniciativa busca mostrar unha nova faceta da cidade e explorar as diversas dimensións de Castelao.
“"Eu non son máis que un artista que puxo o seu arte ao servizo dunha fermosa causa: a de espertar a alma de Galicia"
O percorrido sinala nove puntos clave na cidade: Rúa Xelmirez 28, Rúa Caldeira 33, Praza do Toural 3, Teatro Principal en Rúa Nova, Rúa Xelmirez 13, Rúa do Vilar 13, Rúa do Vilar 15, Praza da Quintana, Capela das Ánimas na Rúa Casas Reais e o Panteón de Ilustres de Galicia en Bonaval. A través destes espazos, os participantes poderán coñecer detalles curiosos da vida de Castelao en Santiago, como a súa primeira visita de neno para que lle sacaran un mal de ollo, ou as súas vivencias como estudante, cando debuxaba nas mesas dos bares.
A ruta, que xa tivo inicio o pasado día 25, terá a súa última saída este sábado ás 12 da mañá e é de acceso gratuíto. Para aqueles que non poidan asistir, os audios explicativos do percorrido estarán dispoñibles na web castelaoecompostela.gal, permitindo aos interesados realizar o traxecto polas veces que desexen. Os contidos poderanse atopar en galego e inglés.
Esta iniciativa chega no contexto do 140 aniversario do nacemento de Castelao e do centenario da publicación da súa obra Cousas en 1926.




