A iniciativa do grupo socialista, que buscaba abrir unha negociación cos grupos da Corporación para decidir o destino dos ingresos pola venda de parcelas municipais, non prosperou no Pleno. A proposta foi rexeitada cos votos en contra do BNG, Compostela Aberta e as concelleiras non adscritas, mentres que o Partido Popular optou pola abstención.
“"Negocien o destino deses máis de cinco millóns de euros. Os cartos non poden quedar parados no banco habendo necesidades urxentes que atender."
A concelleira non adscrita criticou a redacción da proposta socialista, cualificándoa de “soez” por instar a unha negociación “cos grupos políticos e non con integrantes da Corporación”, o que, segundo ela, as excluía. Tamén reprochou aos socialistas que intentasen “enredar e confundir á poboación” ao pretender revisar acordos xa asinados, en referencia ao pacto orzamentario de 2025.
O concelleiro de Vivenda defendeu que o destino dos ingresos pola venda de parcelas municipais xa estaba acordado no orzamento de 2025. Informou da venda de tres soares que xeraron 5,1 millóns de euros, e explicou que a maior parte destes fondos se destinarán á rehabilitación para crear vivenda de alugueiro protexido, mencionando as vivendas da Caramoniña como exemplo.
Pola súa banda, unha concelleira popular manifestou o seu desacordo coa política de vivenda do goberno local, criticando a falta de vivenda pública no mercado e a opción de “mercantilizar solo público” en lugar de ceder parcelas á Xunta. O concelleiro de Vivenda replicou que a cesión non se produciu porque a Xunta non aceptou que fose vivenda pública en alugueiro permanente.




