O xurado da décima edición do certame Novos Valores do Festigal seleccionou a tres agrupacións musicais que optan a ser a banda de apertura dos concertos do festival compostelán en 2026. A decisión final recaerá no público, que poderá votar durante un concerto especial que se celebrará o vindeiro 24 de abril na Sala Sónar de Compostela.
Nesta edición, o concurso recibiu un total de 17 propostas, destacando a alta calidade e a diversidade de estilos presentados. Este elevado número de participantes reflicte o bo momento que vive a música galega e en galego na actualidade.
Música fresca feita por xente moza que canta os problemas e a situación da mocidade.
Entre os finalistas atópase CAROLA, un proxecto de rap en galego con raíces rurais, coñecido polas súas rimas intimistas que exploran a identidade e a conexión coas orixes. As súas integrantes, MC Carola e Dj Lakenobaila, foron eloxiadas polo xurado pola calidade das súas letras.
Tamén competirá Fuego Lolita, unha banda picheleira de pop-punk con son rockeiro, formada a finais de 2024. Os seus membros, Daniel Balsa, Antonio Bouxo, Adrián Caride, Lara López Suárez e José Manuel Sánchez, prometen un estilo irreverente e letras festivas para facer bailar ao público.
A terceira finalista é Alta Mar, unha banda de post hardcore melódico da Coruña, que se formou a principios de 2025. Integrada por Miguel ‘Ken’ Da Silva (baixo), Camilo Piñón (guitarras), Víctor Tarela (voz) e Iván Couto (batería), a súa proposta musical potente e o seu bo son impresionaron ao xurado.




