O acto, celebrado o 1 de maio, serviu para que as edís, que foron expulsadas do PSOE, reivindicasen a "coherencia, lealdade e compromiso" coa cidade de Compostela e cos seus propios principios e valores. A ofrenda tivo lugar na avenida de Castelao, onde se atopa a escultura do histórico líder socialista.
“"Nestes tempos convulsos, é unha sorte ser conscientes de quen somos e do que representamos. Así o fixemos e sempre así seguiremos."
Unha das concelleiras destacou que este acto simbólico adquire maior forza no contexto actual, facendo fincapé na actitude de "coherencia" das edís non adscritas. Tamén subliñou a importancia dunha política de oposición "útil, construtiva e centrada nos problemas reais da veciñanza", poñendo como exemplo as catro proposicións aprobadas no pleno do pasado xoves.
Entre os temas abordados nas proposicións, mencionouse a sobrecarga da Atención Primaria os sábados pola mañá debido á reorganización do Sergas, que deriva a presión asistencial ao Punto de Atención Continuada de Santiago (PAC). Tamén se fixo referencia á parálise de dúas obras no rural de Compostela, como a senda de Figueiras e a ampliación da estrada entre Santiago e Val do Dubra, á altura da Peregrina.
Ademais, as edís abordaron a situación de abandono e falta de mantemento do antigo vertedoiro de Aríns e as actuacións en materia de accesibilidade na Praza de Ultreia. Segundo as concelleiras, todos estes son "problemas reais que importan ás veciñas e veciños e que comulgan coa idea de benestar, de solidariedade e de xustiza social que inspira a figura de Iglesias".




