Tras o éxito da súa estrea o ano pasado, a Romaría das Flores consolídase como unha cita ecléctica e divertida para todas as idades. A programación inclúe concertos, actividades infantís, sesións de DJs e unha ampla zona gastronómica con hostaleiros da capital galega.
O sábado 16 de maio, o cartel musical contará coa actuación de Fuego Lolita, Lisasinson (presentando o seu novo disco Desde Cuándo Todo), Saibran (o proxecto de Cibrán García), Los Mejillones Tigre, Familia Caamagno (cun concerto especial xunto á Orquestra do Quince) e os recoñecidos Los Punsetes. A xornada completarase coa sesión vermú de Chicho Selektor (aka Ortiga) e o peche a cargo de Pídechas o corpo.
O domingo 17 de maio, a romaría prolongarase ata media tarde cunha sesión vermú ampliada, que contará coa presenza de Vinicius e seu Conjunto Selvagem, a Orquesta Neverloura e a actuación de Bigote Mix (Malandrómeda, Fluzo).
Ademais da oferta musical, a programación familiar e infantil incluirá actividades populares e musicais con Xogos do Paporrubio e a imprenta tipográfica ambulante de Alouette Machine. Como novidade, a Romaría das Flores colaborará con editoras locais que celebrarán a súa Feira de Editoras de Compostela durante estas datas.
Este evento, organizado polo Concello de Santiago e producido por Tremendo Audiovisual, busca consolidarse como unha das propostas culturais e festivas máis singulares da cidade, celebrada nun dos espazos máis emblemáticos da capital galega.




