A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, inaugurou a quinta edición das Xornadas de FP Básica, que reuniron en Santiago a máis de 200 profesionais para debater sobre novas estratexias didácticas neste ámbito formativo. Pérez salientou que esta modalidade é unha ferramenta determinante para superar dificultades e reconstruír traxectorias educativas e vitais.
A representante da Consellería de Educación subliñou a aposta do Goberno da Xunta pola FP, especialmente pola FP Básica, cuxa oferta de prazas se viu impulsada nos últimos anos polo Plan Conecta FP Galicia. Destacou o traballo do profesorado galego, cualificándoos de "referentes, puntos de apoio e de confianza" para un alumnado con situacións complexas.
Ademais do impulso cuantitativo, Pérez fixo fincapé no avance cualitativo con novas modalidades como a FP Adaptada e a FP Básica para Adultos, deseñadas para favorecer a permanencia no sistema educativo e frear o abandono temperá. Tamén se implantou un itinerario integrado entre ciclos de grao básico e medio, iniciado como experiencia piloto en Cociña e restauración no CIFP Compostela.
O novo Marco galego para o impulso educativo inclúe medidas para a mellora integral do sistema e o reforzo das competencias básicas na FP de grao básico. O obxectivo é impulsar unha aprendizaxe orientada a recuperar e consolidar as competencias lectora, matemática e científica, aproveitando o carácter aplicado da Formación Profesional.




