A Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación da explotación de tres instalacións de titularidade provincial: o Mazo de Santa Comba, en Lugo; o Náutico de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, e o inmoble e os terreos de Maiorga, en Pantón. Estes acordos, que establecen un período inicial de explotación de cinco anos con posibilidade de prórrogas ata dez, buscan dar continuidade á actividade turística e de lecer destes espazos.
Enrique Reigosa Gómez continuará á fronte do Mazo de Santa Comba, que conta cun restaurante, dous comedores e terraza nun conxunto etnográfico á beira do río Chamoso. O contrato fixa un canon mensual de 550 euros e un compromiso de investimento de 25.000 euros por parte do adxudicatario.
O Náutico Ponte do Sil seguirá a cargo de Maremta 2022 SL, cun canon de 553 euros mensuais e un investimento comprometido de 5.880 euros. Estas instalacións, vinculadas á oferta de lecer e turismo fluvial da Ribeira Sacra, contan con aparcadoiro, aseos e acceso aos pantaláns.
A Deputación adxudicou a Nemesio Cora Fraga o arrendamento de Maiorga por un importe de 230 euros ao mes. Estas instalacións, un pequeno club fluvial á beira do río Miño, contan cun edificio destinado a restaurante e bar.
Ademais, a xunta de goberno aprobou novas actuacións na rede viaria provincial por preto de 400.000 euros para a mellora de máis de 15 quilómetros de estradas nos concellos de Baralla, Taboada e Quiroga.
En Baralla, licitaranse obras de rehabilitación do firme da LU-P-0506 (4,1 km) cun orzamento de 239.052,39 euros, incluíndo a mellora de cunetas e sinalización. Tamén se prevé un paso elevado de peóns na LU-P-0503.
En Taboada, Francisco Gómez y Cía SL rehabilitará o firme da LU-P-1809, nun treito de case tres quilómetros, con melloras adicionais na pavimentación e sinalización.
En Quiroga, Excavaciones Goni SL actuará nas estradas LU-P-5001 e LU-P-5004, cun total de oito quilómetros e un investimento de 158.374,61 euros.




