A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o traballo dos centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta e incidiu na importancia da colaboración da cidadanía para garantir a conservación e protección da biodiversidade de Galicia.
A preservación da riqueza ambiental da Comunidade é unha cuestión que nos afecta a todos. Por iso, lembrou que ante a localización dalgún animal silvestre ferido ou debilitado, non debe manipularse o exemplar salvo que resulte imprescindible. Cómpre avisar ao teléfono 112 ou aos axentes ambientais da Xunta para que sexan os profesionais os que coordinen a súa recollida e traslado ao centro.
O persoal dos centros de recuperación encárgase de prestarlle asistencia veterinaria especializada e de desenvolver procesos de rehabilitación física adaptados a cada especie. Nos catro centros da Xunta rexistráronse 253 ingresos no que vai de ano.
O obxectivo final é proceder á súa solta cando recuperan plenamente as condicións necesarias para sobrevivir en liberdade. Hoxe devolvéronse ao medio natural un voitre común (Gyps fulvus) e dous exemplares de miñato abelleiro (Pernis apivorus).
Estes tres exemplares foron tratados de diferentes traumatismos no Centro de recuperación de fauna silvestre do Rodicio, que lles impedían voar ou comprometían a súa supervivencia. Tras completar o tratamento veterinario e o proceso de rehabilitación, recuperaron a capacidade de voo.
Todos eles están identificados cunha anela metálica que permitirá o seu seguimento en caso de futuros avistamentos ou novas recuperacións.




