Losada, de 46 anos e residente na Avenida de Monforte da localidade, xa participou nas pasadas eleccións municipais como quinto na lista socialista e nas autonómicas como número seis pola provincia de Lugo. A súa traxectoria profesional inclúe o seu traballo como veterinario clínico en Aira dende o ano 2003.
O seu perfil representa un equilibrio entre o casco urbano e o rural. Vive o pulso diario da vila, pero a súa profesión manteno en contacto permanente coa realidade das nosas 36 parroquias.
Dende o PSOE valoran a súa figura como un punto de unión entre o ámbito urbano e o rural de Chantada. Ademais da súa profesión, Losada é coñecido polo seu interese no deporte e como viticultor afeccionado, o que lle proporciona un coñecemento profundo do territorio e das necesidades dos seus habitantes.
A agrupación socialista municipal, que actualmente conta con dous dos trece concelleiros no pleno da corporación, destacou que Losada coñece de primeira man os desafíos que afrontan os veciños nas aldeas. Este nomeamento pon fin a varios anos nos que o PSOE chantadés estivo dirixido por unha xunta xestora en Lugo, e o posto estaba vacante dende a marcha de Raquel López antes das eleccións de 2023.




