O músico Carlos Timiraos xa non dirixe a banda de música de Chantada. Despois de cinco anos á batuta desta histórica formación, con 161 anos de traxectoria, a súa etapa concluíu no concerto anual para socios, que tivo lugar no auditorio municipal o pasado domingo.
Timiraos, clarinetista formado no conservatorio superior Eduardo Martínez Torner de Oviedo e natural de Viveiro, púxose á fronte da banda chantadesa en setembro de 2021, sucedendo a José Manuel Mosquera. Anteriormente, xa dirixira as formacións da súa localidade natal e a de Foz.
“"Foi unha experiencia laboral e musical moi completa. Marcho agradecido. A banda de música de Chantada deixa unha gran pegada en min."
Os motivos da súa marcha, segundo aclaran dende a propia banda, son "estritamente persoais". Timiraos non concretou os seus plans de futuro profesional, aínda que sinalou que "algunha porta aberta hai".
Durante o seu mandato, Timiraos destacou a elaboración dunha programación "variada e vinculada a unha temática". Valorou positivamente o seu paso pola dirección, buscando que a banda fose "poliédrica", capaz de mostrar "distintas caras", chegar a "diferente tipo de público" e abordar "diversos estilos", logrando captar a atención de xente "de todas as idades".
O seu sucesor será o chantadés Marcos Fernández Varela, unha figura moi coñecida na localidade pola súa ampla vinculación co mundo da música. Fernández Varela tamén dirixe a coral polifónica e numerosos coros, ademais de tocar a batería no grupo de rock bravú Liviao de Marrao e de posuír a súa propia academia musical.
A presidenta da banda, Lucía Fernández, lembrou que Marcos Fernández xa foi "un dos candidatos mellor valorados" no proceso de selección de 2021, cando finalmente se elixiu a Timiraos. A directiva considera que esta é "unha oportunidade axeitada" para confiar no seu perfil e asegurar a continuidade do proxecto.
O debut do novo director será en agosto, durante o evento 'Noites á Luz da Lúa'.




