O acto estivo presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, quen recibiu ás persoas encargadas da coordinación das 93 aulas de formación dixital da rede CeMIT. Rey destacou o papel dos axentes TIC na dinamización das aulas, na identificación de necesidades e no acompañamento á cidadanía na súa adaptación aos novos modelos de comunicación, unha adaptación que considerou "imprescindible para as relacións humanas, para o desenvolvemento laboral ou para realizar calquera tipo de contacto ou xestión coas Administracións".
Ademais da entrega de premios, os asistentes participaron nunha charla sobre formación e visitaron os dous laboratorios de ciberseguridade da Xunta situados no Centro GaiasTech. Tras este recoñecemento, a Aula CeMIT de Valga continúa coa súa programación de capacitación tecnolóxica nas vindeiras semanas, coa celebración dun obradoiro de ciberseguridade, actividades para usuarios do CODI con motivo do Día Mundial da Discapacidade, unha videoconferencia con Papá Noel, un obradoiro de creación de calendarios e exames de certificación oficial ComDix.




