A institución provincial fai un chamamento á cidadanía para sumarse a esta xornada reivindicativa que busca renovar o compromiso colectivo fronte a todas as formas de violencia machista. A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, abrirá o acto coa lectura da Declaración Institucional contra a violencia machista, un documento consensuado polos tres grupos políticos con representación na institución —PSdeG, BNG e PPdeG— e aprobado por unanimidade no pleno celebrado este mes.
Un dos momentos centrais será a acción simbólica En camiño contra as violencias, protagonizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, que este ano cumpre dez anos desde a súa posta en marcha en 2016. Dez estudantes participarán nunha intervención colectiva sobre unha pancarta con palabras que representan distintas manifestacións da violencia machista, como o medo, o control, o desprezo e o silencio. A iniciativa incluirá tamén unha lectura coral que percorrerá simbolicamente a traxectoria do proxecto ao longo desta década.
Na xornada participarán tamén deputadas e deputados provinciais, así como persoal empregado público da institución. Repartiranse entre as persoas asistentes paraugas e calendarios con mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero. Como mostra de apoio á loita contra as violencias machistas, a fachada do Pazo de San Marcos xa luce as lonas negras conmemorativas desta xornada.
A programación provincial polo 25N arrancou esta fin de semana con propostas culturais e de sensibilización, e estenderase ata o 10 de decembro con actividades en Vilalba e Lugo protagonizadas por Marina Marroquí e Amelia Tiganu.
Os actos de mañá enmárcanse na programación gratuíta organizada pola Deputación arredor do 25N, que comezou esta fin de semana con dúas propostas culturais que tiveron unha excelente acollida: o sábado, o público asistiu ao monólogo Risas con perspectiva feminista, do dúo Sobria e Serena, e o domingo á obra Golpes, da compañía aAntena, protagonizada pola actriz luguesa Estíbaliz Veiga.
A programación continuará o venres 4 de decembro, ás 10:30 horas, no auditorio municipal de Vilalba, que acollerá o monólogo Esto no es amor, de Marina Marroquí, dirixido ao alumnado de Secundaria e Bacharelato de institutos de Terra Chá e da Mariña. Marroquí, educadora social e supervivente da violencia machista na adolescencia, emprega o humor e a súa propia experiencia para desmontar os mitos do amor romántico. Se quedan prazas libres das 504 que ofrece o auditorio, abriranse ao público xeral.
O ciclo pecharase o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, coa intervención de Amelia Tiganus no salón de actos da Deputación, ás 19:00 horas. A escritora e activista feminista, supervivente da trata de mulleres con fins de explotación sexual, abordará a violencia sexual e a explotación das mulleres desde unha perspectiva de defensa dos dereitos humanos. Ambas actividades serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.




