O coordinador provincial de Educación Viaria, Carlos Riveiro, impartiu unha charla no Auditorio Municipal de Valga, dirixida especialmente a persoas maiores, sobre seguridade viaria e prevención de atropelos. A iniciativa busca achegar consellos e pautas de prevención a este colectivo tras o recente aumento de accidentes.
Durante a súa intervención, Riveiro fixo fincapé na importancia de actuar "con cabeciña" e ser consciente das limitacións que chegan coa idade, como cambios na audición, vista e axilidade. Subliñou que "cremos que o paso de peóns nos dá dereito absoluto e non é así, non arrisquemos a nosa vida por non esperar uns segundos", e recomendou observar a ambos lados antes de cruzar e esperar a que os vehículos se deteñan por completo.
Tamén se detallaron os motivos técnicos e de seguridade para cruzar sempre en perpendicular á estrada, xa que isto reduce o tempo de permanencia na vía e mellora a visibilidade dos vehículos que se aproximan. A sesión incluíu a proxección de vídeos e imaxes de accidentes, así como a discusión de slogans de concienciación.
Ao remate da xornada, todos os asistentes recibiron material preventivo, incluíndo chalecos reflectores para mellorar a visibilidade na vía pública, ademais de folletos informativos sobre seguridade viaria.




